O Porto de Ribeira acollerá entre o 17 e o 20 de xullo de 2025 o XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Durante catro días, nesta localidade do Barbanza concentrarase unha numerosa e variada mostra de embarcacións tradicionais galegas, acompañadas dunha ampla representación das culturas marítimas de diferentes comunidades tanto peninsulares como como doutras áreas xeográficas. O prazo para inscribir os barcos que participarán na grande festa da nosa cultura marítima e fluvial, que se celebra cada dous anos con carácter itinerante, estará aberto até o vindeiro 7 de xullo.
Poderán inscribirse no Encontro aqueles barcos de madeira pertencentes ás tipoloxías tradicionais dos seus países e comunidades de orixe, con propulsión preferentemente a vela ou remo, sen prexuízo de que polas súas características ou por seguridade conten con motor, e que non conteñan elementos que claramente deturpen as características propias da súa tipoloxía en relación cos materiais construtivos ou outros elementos característicos. Tamén poderán participar embarcacións que teñan unha especial significación e importancia polo seu carácter histórico, incluíndo réplicas ou reconstrucións que manteñan a esencia das pezas de referencia orixinais.
Poderán inscribirse ademais os barcos destinados ao fomento do nautismo que representen tipoloxías clásicas ou históricas recoñecibles ou aqueles que representen un valor patrimonial singular. No caso das tres últimas categorías, a organización do evento poderá, se así o estima, solicitar información adicional sobre as características propias do barco antes de proceder á súa inscrición.
Os particulares ou asociacións interesadas en inscribir embarcacións, deberán facelo a través da ligazón https://culturmar.org/eventos/ onde cumprimentarán a ficha coa información necesaria sobre o barco.
Culturmar organiza cada dous anos, desde 1993, o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en colaboración con todas as asociacións federadas e con outras entidades afíns, tanto galegas como doutros países, así como particulares e diversas institucións de interese cultural e patrimonial. Da man da Real e Ilustre Cofradía da Dorna e do Concello de Ribeira, o Encontro, consolidado como a gran celebración da cultura marítima e fluvial de Galicia e que representa a actividade máis senlleira da Federación, espera congregar en Ribeira, localidade onde naceu e na que recala por segunda vez, máis dun cento de embarcacións tradicionais que, sen dúbida, serán o gran escaparate da nosa cultura do mar e dos ríos.