Un asentamento da primeira Idade do Ferro cun sorprendente grao de urbanización
Trátase dunha representación castrexa de notables dimensións que data da primeira Idade do Ferro, un asentamento cunha privilexiada posición defensiva. O poboado estrutúrase ao redor dunha área elevada de forma ovalada cun segundo recinto, o antecastro, ao que da paso un terraplén polo Oeste e o Sur, mentres que polo Norte unha zona escarpada actúa como defensa natural.
As escavacións arqueolóxicas nos anos 2014 e 2015 deixaron ao descuberto un total de vinte catro estruturas moi diversas e máis de 600 pezas cerámicas ou metalúrxicas. Existen tamén restos dunha caseta-vixía do século XVIII de control marítimo. De feito, este enclave ofrece unha vista privilexiada da entrada da Ría da Arousa e do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.