ePrivacy and GPDR Cookie Consent by Cookie Consent
GL ES

Inicio

O Camiño das Estrelas chega a Ribeira

O concelleiro de Turismo presentou esta nova iniciativa contextualizando a orografía e localización xeográfica de Ribeira “que proporcionan múltiples puntos desde onde se pode gozar dunha panorámica completa do ceo nocturno”. Lugares como praias e miradoiros naturais ofrecen horizontes despexados, esenciais para unha experiencia astronómica enriquecedora. 

Neste contexto, o Camiño das Estrelas, proponse como “unha actividade de astroturismo onde educar e sensibilizar ao público participante sobre a importancia de preservar os nosos ceos escuros, unha iniciativa enriquece a oferta turística e fomenta a conciencia ambiental entre residentes e visitantes”.

O Camiño das Estrelas tamén  pon en valor o coñecemento e sabedoría ancestral dos nosos mariñeiros. Antes da existencia da tecnoloxía empregaban as estrelas como guía no seu rumbo. As estrelas servían de  compás celestial que lles permitía navegar en mares abertos e descoñecidos. Sen a tecnoloxía moderna, os navegantes dependían da observación das constelacións e os astros para determinar a súa posición e dirección durante as súas viaxes.

O astroturismo atrae a un público interesado en experiencias únicas e respectuosas co medio ambiente o que supón un aporte na oferta turística existente. O Camiño das Estrelas proponse como unha oportunidade para aproveitar un recurso natural excepcional como é a calidade dos ceos nocturnos de Ribeira como un referente no astroturismo, podendo xerar un fluxo de visitantes durante todo o ano, diversificando a oferta turística e favorecendo así a desestacionalización. 


O Camiño das Estrelas  tamén ofrece unha plataforma para a divulgación da astronomía e a promoción do coñecemento científico. A actividade educativa que se propón enriquece a oferta de lecer e contribúe á formación dunha cidadanía máis informada e consciente.

Colomer concretou os obxectivos do novo produto turístico “que consiste basicamente en fomentar o aprecio e o coñecemento do patrimonio astronómico e natural a través da observación do ceo nocturno de Ribeira, promovendo a conservación da calidade do ceo e sensibilizando aos participantes sobre a importancia da redución da contaminación lumínica”. O concelleiro rematou salientando que a busca gozar do espectáculo do ceo estrelado e educar aos participantes sobre a relevancia de preservar estas contornas para as futuras xeracións.

Actividades propostas

1. Formación astronómica 

Día: 14 de xuño
Hora: 21 a 23 horas
Lugar: Centro Social de Oleiros e campo de fútbol

Descrición da actividade: trátase dun taller formativo previo ás noites de observación onde se explica  a mecánica celeste: o movemento da Terra, o sistema solar e a galaxia. O ecuador celeste e a eclíptica. Os cometas, satélites e outros obxectos. Neste taller o público aprenderá sobre as estrelas obxectivo para saber cómo orientarse no ceo, as súas constelacións e cómo cambia o ceo ao longo dos meses. Usarán tamén as ferramentas para escoller a noite: Stellarium, Heavens-above, planisferios, Guías físicas e aplicacións móviles de interese, e como usalas. Realizaremos unha introducción aos materiais básicos de observación, e daranse consellos de observación e divulgación

Os principais obxectivos deste taller son  comprender as bases do funcionamento do ceo; coñecer e identificar as estrelas e constelacións 

principais para poder comezar a observar e aprender a utilizar as ferramentas para continuar aprendendo e observando por conta propia.

* Chocolate quente para o público participante


2. Iniciación astronómica

O patrimonio nocturno é un gran descoñecido. Nesta actividade as persoas participantes viaxan da man dun guía astrónomo divulgador e dunha –Deusa lexendaria–, para coñecer e aprender a orientarse coas estrelas máis brillantes, xuntar constelacións e descubrir as historias escritas no ceo. Trátase de que o público teña unha noite inesquecible, que proporcionará a base para desfrutar observando, asentar as bases para continuar polos seus propios medios, e pasar momentos en familia. 

Aguiño
Día: 13 de xullo
Hora: 22.30 a 00.00 horas
Lugar: punto de encontro Miradoiro de Couso. 
* Chocolate quente para o público participante

Corrubedo
Día: 24 de agosto
Hora: 22.30 a 00.00 horas
Lugar: zona da duna de Olveira 
* Chocolate quente para o público participante


As reservas pódense realizar a través do teléfono 981 873 007 ou na oficina de Turismo do Malecón.

Recursos destacados

Más recursos turísticos