ePrivacy and GPDR Cookie Consent by Cookie Consent
GL ES

Inicio

Ribeira presenta novos roteiros turísticos en bicicleta eléctrica
Whatsapp: Ribeira presenta novos roteiros turísticos en bicicleta eléctrica

Ribeira, 8 de xullo de 2025 — No día de hoxe Francisco Suárez-Puerta, concelleiro de Turismo, anunciou a posta en marcha “dun completo programa de roteiros deseñados para mergullarse na rica historia e cultura da nosa terra”. Estes roteiros estarán dispoñibles todos os martes dende o 15 de xullo ata setembro en horario de mañá, ofrecerán unha oportunidade única tanto para residentes como para visitantes “de explorar e conectar con eventos e personaxes históricos significativos, ademais de descubrir a beleza das paisaxes da rexión”, sinalou o concelleiro.

O itinerario foi coidadosamente elaborado para que os participantes poidan coñecer os momentos clave que formaron a identidade das nosas vilas mariñeiras, observando como evolucionaron desde as súas orixes ata a actualidade. Suárez-Puerta salientou que o obxectivo principal “é ofrecer unha visión completa das parroquias visitadas, entendendo a súa historia e o seu proceso de transformación ao longo do tempo”.

Este ano, o programa enriquécese coa incorporación de dous novos roteiros. Un deles é o roteiro a pé en Corrubedo, que permitirá aos asistentes coñecer os segredos desta emblemática localidade. O segundo roteiro é en bicicleta eléctrica por Oleiros e Olveira, que ofrecerá unha perspectiva innovadora e ecolóxica: “mediante este percorrido, os participantes poderán descubrir as parroquias de Oleiros e Olveira desde unha visión máis dinámica, gozando da paisaxe e a historia con maior facilidade e comodidade”.

O roteiro en bicicleta eléctrica facilita unha conexión máis profunda coa contorna, permitindo aos participantes apreciar a beleza natural e cultural da zona desde unha perspectiva fresca e moderna. Esta iniciativa busca promover un turismo sostible e accesible, achegando a historia e o patrimonio local a todos os públicos.

Para rematar Suárez-Puerta, convidou aos veciños e visitantes “a sumarse a esta experiencia cultural e enriquecedora durante os meses de verán”. 

Para máis información e inscricións, poden chamar á Oficina Municipal de Turismo de Ribeira no 981 873007 ou consultar a axenda de Turismo en www.turismo.ribeira.gal/axenda

 



INFORMACIÓN DE INTERESE PARA O PÚBLICO

- Inscricións: na Oficina Municipal de Turismo (Malecón) ou chamando a 981873007

- Horario dos roteiros: de 10.30h a 13h (duran 2,5h)

- Para os Camiños a pé, nº máx. de persoas 40 e nº mín. 6

- Camiño en E-bike mínimo 3 pax


Camiño de Onte (Ribeira)

Camiño do Sal (Castiñeiras-Aguiño)

Camiño do Castelo (Palmeira)

Camiño do Faro (Corrubedo)

Camiño Eléctrico (Oleiros e Olveira): percorre Oleiros e Olveira e en bicicleta eléctrica explorando as súas paisaxes e recunchos dende unha perspectiva activa. Grupo min. 3 persoas / máx.: 5 persoas.Ten que ser en bicicleta eléctrica, no caso de non dispoñer de e-bike pódese alugar en Dalle Pedal (37€): inclúe casco e asistenciaen ruta


CAMIÑOS AUTOGUIADOS

Estamos a traballar na creación de audioguías que lles permitirán ás persoas realizar os camiños de xeito autónomo, ao seu ritmo e con toda a información necesaria. Estas audioguías estarán dispoñibles proximamente na páxina web oficial de turismo: turismo.ribeira.gal


CRONOGRAMA DOS ROTEIROS

XULLO

15 – Camiño do Faro (Corrubedo)

22- Camiño de Onte (Ribeira)

29- Camiño do Sal (Castiñeiras- Aguiño)

 

AGOSTO

5- Camiño do Castelo (Palmeira)

12- Camiño de Onte (Ribeira)

14- Camiño Eléctrico (Olveira- Oleiros)

19- Camiño do Faro (Corrubedo)

26- Camiño do Sal (Castiñeiras- Aguiño)

28- Camiño Eléctrico (Olveira- Oleiros)

 

SETEMBRO

2- Camiño do Faro (Corrubedo)

9- Camiño de Onte (Ribeira)

16- Camiño do Castelo (Palmeira)

23- Camiño do Sal (Castiñeiras- Aguiño)

30- Camiño do Faro (Corrubedo)


Contacto:

Concellería de Turismo de Ribeira

Teléfono: 981873007

Email: turismo@ribeira.gal

Web: turismo.ribeira.gal/axenda

“Camiño a Valverde” un orixinal produto turístico onde o xogo de rol e a lenda se mesturan
Whatsapp: “Camiño a Valverde” un orixinal produto turístico onde o xogo de rol e a lenda se mesturan

Ribeira, 5 de xuño de 2025 — A Concellería de Turismo de Ribeira anunciou no día de hoxe o lanzamento dun novo produto turístico chamado "Camiño a Valverde", á presentación acudiron, o segundo tenente de alcalde e tamén concelleiro de Turismo, Francisco Suárez-Puerta máis a responsable de Mimarte, Tania Fuegho.

Suárez-Puerta falou do innovador xogo de rol en vivo (LARP, polas súas siglas en inglés) que se desenvolverá no Parque Natural de Corrubedo. Este evento combina a aventura, a interpretación de personaxes lexendarios “e a exploración da contorna natural nunha experiencia única e inmersiva para todos os participantes poñendo en valor a cultura e as nosas lendas”.

O concelleiro informou que se van a presentar 30 prazas para que poidan xogar divididos en 5 grupos distintos, terá unha duración de 3 horas – de 11:00 a 14:00 horas–, asemade Suárez-Puerta invitou a toda esa xente que se queira apuntar; “que interiorice a personaxe que se lle vai a asignar tanto no propio xogo coma no súa vestimenta”.

O Camiño a Valverde convida aos participantes a experimentar a lenda de Valverde, a través de personaxes nun escenario real. Sen un guión ríxido, os xogadores poderán interactuar, tomar decisións e vivir unha aventura auténtica nunha contorna que fomenta a creatividade, o traballo en equipo e o contacto coa natureza.

O Camiño a Valverde realizárase en colaboración Espazo Creativo e Escola de Artes Escénicas Mimarte,  o día 12 de setembro a partir das 11h, no marco da programación das festas de Santa Uxía, ofrecendo unha oportunidade perfecta para que, tanto turistas como residentes, descubran a lenda de Valverde e a riqueza natural e cultural de Ribeira, promovendo un turismo responsable e enriquecedor.

Colomer rematou convidando a toda a veciñanza e aos amantes do rol en vivo a sumarse a esta aventura que combina diversión e natureza. 

Información: Axenda Turismo de Ribeira: https://web.turismo.ribeira.gal/axenda

Inscricións: OMIT (Oficina Municipal de Turismo de Ribeira situada no Malecón de Ribeira), no 981873007 ou a través de  turismo@ribeira.gal

O Camiño das Estrelas chega a Ribeira
Whatsapp: O Camiño das Estrelas chega a Ribeira

· Esta nova proposta céntrase na promoción de Ribeira a través da observación do ceo nocturno.

Ribeira, 15 de maio de 2025 — O departamento de Turismo do Concello de Ribeira capitaneado por Francisco Suárez-Puerta presentou no día de hoxe un novo produto turístico relacionado co astroturismo.

 

O concelleiro de Turismo presentou esta nova iniciativa contextualizando a orografía e localización xeográfica de Ribeira “que proporcionan múltiples puntos desde onde se pode gozar dunha panorámica completa do ceo nocturno”. Lugares como praias e miradoiros naturais ofrecen horizontes despexados, esenciais para unha experiencia astronómica enriquecedora. 

Neste contexto, o Camiño das Estrelas, proponse como “unha actividade de astroturismo onde educar e sensibilizar ao público participante sobre a importancia de preservar os nosos ceos escuros, unha iniciativa enriquece a oferta turística e fomenta a conciencia ambiental entre residentes e visitantes”.

O Camiño das Estrelas tamén  pon en valor o coñecemento e sabedoría ancestral dos nosos mariñeiros. Antes da existencia da tecnoloxía empregaban as estrelas como guía no seu rumbo. As estrelas servían de  compás celestial que lles permitía navegar en mares abertos e descoñecidos. Sen a tecnoloxía moderna, os navegantes dependían da observación das constelacións e os astros para determinar a súa posición e dirección durante as súas viaxes.

O astroturismo atrae a un público interesado en experiencias únicas e respectuosas co medio ambiente o que supón un aporte na oferta turística existente. O Camiño das Estrelas proponse como unha oportunidade para aproveitar un recurso natural excepcional como é a calidade dos ceos nocturnos de Ribeira como un referente no astroturismo, podendo xerar un fluxo de visitantes durante todo o ano, diversificando a oferta turística e favorecendo así a desestacionalización. 


O Camiño das Estrelas  tamén ofrece unha plataforma para a divulgación da astronomía e a promoción do coñecemento científico. A actividade educativa que se propón enriquece a oferta de lecer e contribúe á formación dunha cidadanía máis informada e consciente.

Colomer concretou os obxectivos do novo produto turístico “que consiste basicamente en fomentar o aprecio e o coñecemento do patrimonio astronómico e natural a través da observación do ceo nocturno de Ribeira, promovendo a conservación da calidade do ceo e sensibilizando aos participantes sobre a importancia da redución da contaminación lumínica”. O concelleiro rematou salientando que a busca gozar do espectáculo do ceo estrelado e educar aos participantes sobre a relevancia de preservar estas contornas para as futuras xeracións.


Actividades propostas

1. Formación astronómica 

Día: 14 de xuño
Hora: 21 a 23 horas
Lugar: Centro Social de Oleiros e campo de fútbol

Descrición da actividade: trátase dun taller formativo previo ás noites de observación onde se explica  a mecánica celeste: o movemento da Terra, o sistema solar e a galaxia. O ecuador celeste e a eclíptica. Os cometas, satélites e outros obxectos. Neste taller o público aprenderá sobre as estrelas obxectivo para saber cómo orientarse no ceo, as súas constelacións e cómo cambia o ceo ao longo dos meses. Usarán tamén as ferramentas para escoller a noite: Stellarium, Heavens-above, planisferios, Guías físicas e aplicacións móviles de interese, e como usalas. Realizaremos unha introducción aos materiais básicos de observación, e daranse consellos de observación e divulgación

Os principais obxectivos deste taller son  comprender as bases do funcionamento do ceo; coñecer e identificar as estrelas e constelacións 

principais para poder comezar a observar e aprender a utilizar as ferramentas para continuar aprendendo e observando por conta propia.

* Chocolate quente para o público participante


2. Iniciación astronómica

O patrimonio nocturno é un gran descoñecido. Nesta actividade as persoas participantes viaxan da man dun guía astrónomo divulgador e dunha –Deusa lexendaria–, para coñecer e aprender a orientarse coas estrelas máis brillantes, xuntar constelacións e descubrir as historias escritas no ceo. Trátase de que o público teña unha noite inesquecible, que proporcionará a base para desfrutar observando, asentar as bases para continuar polos seus propios medios, e pasar momentos en familia. 

Aguiño
Día: 13 de xullo
Hora: 22.30 a 00.00 horas
Lugar: punto de encontro Miradoiro de Couso. 
* Chocolate quente para o público participante

Corrubedo
Día: 24 de agosto
Hora: 22.30 a 00.00 horas
Lugar: zona da duna de Olveira 
* Chocolate quente para o público participante


As reservas pódense realizar a través do teléfono 981 873 007 ou na oficina de Turismo do Malecón.

Recursos destacados

Máis recursos turísticos