O agradable recuncho mariñeiro

Palmeira e o seu porto, pequeno e acolledor, amosan alma mariñeira en case calquera recuncho. A bibliografía apunta a que a vila acentuou a súa dependencia do mar a  partir da primeira metade do século XVIII tanto coa comercialización como coa posterior instalación en terra de industrias auxiliares. Aquí sitúase o que se considera o primeiro secadoiro de bacallau da ría. Rúas estreitas entre casas mariñeiras posibilitan un agradable paseo. Na zona portuaria levantouse, por iniciativa popular, unha vistosa escultura de cinco metros como homenaxe á emigración. A enseada dá forma á praia da Corna e ao seu campo dunar protexido.