Un gran espazo verde convertido en parque temático arqueolóxico con vocación didáctica
Unido por unha senda co centro de Ribeira, o Parque Periurbano de San Roque, situado en Frións, parroquia de Carreira, é un gran espazo verde de notable orixinalidade. Convertido nunha área didáctica prehistórica, os/as visitantes atoparán nel réplicas sorprendentemente fieis dos achados máis importantes deste concello, como un castro, un dolmen, un menhir, unha mámoa ou petróglifos, así como un Centro de Interpretación Arqueolóxica.
Entre as súas dotacións figuran tamén un miradoiro con extraordinarias vistas de Ribeira e da Ría da Arousa, invernadoiro, obradoiros, cafetería, anfiteatro ou zona de merendeiro, ademais de paneis informativos por todo o percorrido, nunha área de nada menos que duns 175.000 m2.